Este ano ampliouse inicialmente ata 35 o número de prazas ofertadas no Sementeira e o número de nenas e nenos participantes para o mes de xullo é de 33, só quedan 2 prazas vacantes.  O campamento Sementeira comeza xa para a vindeira semana e faino practicamente con todas as prazas ofertadas ocupadas.

Do total de 33 solicitudes admitidas, 23 corresponden a nenas e nenos matriculados na escola de Moeche ou con avós ou avoas empadroados no noso concello, 3 responden a familias con vinculación laboral en Moeche e as 4 restantes sen criterios de preferencia. Dos 33,  sete rapaces e rapazas accederán ao horario de madrugadores, é dicir, comezan ás 9 horas, os restantes participan de 10 a 14 horas. Este ano  o número de solicitudes de familias empadroadas en Moeche aumentou fronte ás das familias pertencentes a outros municipios de arredor.

As familias con criterios de preferencia por estar matriculados na escola de Moeche ou por ter familia directa empadroada xa fixeron o pagamento da actividade no momento da inscrición mentres que as famlias con criterios non preferentes deben pagar agora a cota que lles corresponda

Quen se queira apuntar nas dúas prazas que quedan libres debe contactar coa traballadora social do Concello quen lle dará a información necesaria sobre os requisitos para acceder ao campamento. Teléfono 981 404 006

Reunion informativa para as familias
O próximo xoves 27 de xuño, ás 17,00 horas, no pavillón polideportivo haberá unha xuntanza informativa para as nais e os pais da rapazada participante, á que asistirá á responsable municipal da área e o persoal encargado de Espazo Vivo, a empresa que resultou adxudicataria do contrato menor para o desenvolvemeno desta actividade de conciliación da vida familiar e laboral. A xuntanza ten por obxectivo facilitarlles ás familias polo miúdo a información do campamento, as actividades e contidos sobre os que se vai traballar, os diferenes espazos onde se desenvolverá o campamento, as excursións que se van realizar, e calquera outra información que pais e nais procuren.

Sementeira dinamiza de novo o verán en Moeche. con obradoiros, xogas na piscina, contacontos, visitas ao mercado, excursións, música, baile,… e así ata compoñer unha oferta educativa e de entretemento cunha manchea de propostas. O Campamento Sementeira desenvolverase en dúas quendas, unha no mes de xullo e outra no mes de agosto, de maneira que as familias poden reservar praza para calquera dos dous meses ou para o total do programa, que arranca o 1 de xullo e finaliza o 30 de agosto. O período de preinscrición mantívose aberto entre o 3 e o 18 de xuño. Este ano o  campamento trae algunha novidade como é a ampliación da duración, cada quenda cubrirá o mes completo, tanto en xullo como en agosto, un  maior número de prazas ofertadas  e novas actividades.

Coma o ano pasado,  haberá dous horarios de luns a venres, un de 9.00 a 14.00h. e outro de 10.00 a 14.00 h e que terán preferencia na obtención de praza  quen elixa o horario máis madrugador. Para esa franxa horaria -de 9.00 a 10.00h.- só hai 8 prazas dispoñibles. A rapazada apuntada nela terá xogos e obradoiros de lectura ata as 10 h, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas.

Inscrición para o mes de agosto entre o 15 e o 24 de xullo
Como ata agora, terán prioridade as solicitudes dos nenos e nenas matriculadas no CEIP San Ramón, as familias aquí cansadas.  a continuación as solicitudes das familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con Moeche e, por útlimo,  atenderanse as peticións de familias doutros concellos.