O Programa Xantar na Casa beneficiará, polo de agora, a 5 maiores do noso concello. Todos eles xa o demandaron e realizaron os trámites correspondentes para recibir nos seus fogares os menús semanais, cunha dieta sá e equilibrada, que virá adaptada ás necesidades nutricionais de cada persoa usuaria do servizo. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de convocar o acto de sinatura do convenio do programa Xantar na Casa para o mércores 31 para os seis novos concellos. No pasado mes de outubro 2018 o Concello de Moeche solicitou a súa incorporación do programa Xantar na Casa. 

O acto de sinatura do convenio foi convocado polo Consorcio Galego de Benesar Social para o 31 de xullo, para os seis novos concellos que se suman aos 169 actuais. No caso de Moeche, como noutros concellos da comarca, o cambio de hora do acto por parte da Consellería leva á coincidencia coa sesión plenaria do Consello do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, de tal xeito que a sinatura se realizará telematicamente ou ben presencialmente nun novo horario que marque a Consellería.

Desde o Concello ofertouse o servizos hai uns meses dentro dos límites e condicións que estableceu o propio Consorcio. As persoas interesadas deben cumprir algún dos requisitos xerais e as solicitudes remítense ao citado Consorcio para a súa aprobación. A dia de hoxe cubríronse as cinco ofertas incialmente icnluídas no programa para Moeche.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destaca a importancia de avanzar na área de Benestar Social así como o compromiso do Goberno municipal de seguir paulatinamente incrementando os recursos destinados a esta área, malia os problemas de financiamento das entidades locais para o desenvolvemento de competencias como esta, que non lle son propias. Neste caso cun programa que leva anos instaurado noutros concellos- en concreto en 169 concellos- e que Moeche carecía del, o que virá supoñer unha mellora especialmente para as persoas maiores que viven soas e necesitan un apoio que garanta unha boa alimentación cotiá.

O custo do servizo cofinánciase entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, , o Concello e as persoas usuarias. O prezo total do menú do Xantar na Casa é de 6,27€, dos que o Consorcio cobre o 50%, outro 25% pagarao o Concello e o 25% restante correrá por conta da persoa usuaria do servizo. Quen se acolla ao programa só terá que pagar 1,57€ diarios por un primeiro prato, segundo prato e sobremesa, o que veñen sendo algo máis de 47€ polos xantares de todo o mes