Os cambios producidos pola Administración autonómica recentemente respecto ás distancias entre as plantacións forestais e os núcleos, as zonas urbanas, as vías de comunicación e outras infraestruturas, están a provocar moitas dúbidas entre a veciñanza. A raíz disto. o Concello -a través da Concellería de Medio Ambiente- acordou organizar unha charla informativa e solicitou a presenza de persoal do Distrito Forestal de Ferrol, quen informará sobre o cumprimento da normativa e os seus cambios. Este acto terá lugar o luns 16, ás 18.00 horas co Centro Cultural Francisco Piñeiro, no lugar de Trieiro, Abade.
Co obxectivo de darlle difusión á normativa vixente e aos cambios aprobados nos últimos meses pola Xunta de Galicia, desde o Concello publicouse o correspondente bando municipal e achegouse a información a través do boletín municipal Andaina así como na web municipal. Con todo, as diferentes consultas recibidas no Concello e as reunións mantidas co axente forestal da zona para delimitar as competencias de cada Administración, levaron ao Goberno local a programar unha charla informativa ofrecida por persoal especializado do Distrito Forestal. Nela, a veciñanza poderá preguntar e consultar as dúbidas que teña ante a obriga de limpar os montes montes, de cumprir coas distancias de plantación, entre outras cuestións, así como o sistema mediante o que se controlará o cumprimento da normativa.
A anterior lei de prevención dos incendios foi modificada pola Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que establece novas distancias e requisitos nas franxas de protección.
A xestión da biomasa é unha obrigación da persoa propietaria ou arrendataria dos terreos. De non estar realizada -e se a Xunta a require- a persoa notificada dispón dun prazo de 15 días para limpar, que se poden prorrogar sempre que se xustifique adecuadamente. De non cumprir coas obrigas requiridas, a resolución é competencia da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural.
A charla terá lugar o luns 16 de xullo, ás 18.00 horas , no C.Cultural Francisco Piñeiro, en Trieiro, Abade, e será impartida por persoal técnico do Distrito Forestal de Ferrol, que é o organismo encargado da xestión das autorizacións e do seu cumprimento.
Últimos comentarios