O Concello de Moeche mantén abertas desde 2017 as bolsas de traballo para os postos de condutor/a e de peón de obras e servizos municipais. As listas de contratación actualízanse todos os anos, co obxectivo de incorporar máis aspirantes que cumpran os requisitos e de facilitarlles ás persoas que xa forman parte delas a posibilidade de mellorar a súa puntuación con cursos que teñan feitos ou outros méritos. As bolsas de emprego son iso, un listado do que o Concello pode botar man para cubrir, por exemplo, baixas laborais ou vacacións. A quenda de actualización deste 2020 xa está aberta para que as persoas interesadas presenten as súas instancias. O prazo remata o 14 de febreiro.
A información sobre o procedemento de entrada nas listas está recollida nas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 4 de abril de 2017. Alí estipúlanse tanto os requisitos xerais como os particulares que se han de cumprir para acceder a cada unha das dúas bolsas. Así, en ambos casos establécese que cumprirá ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da UE, ou ben contar con residencia legal en España. Por outra banda tamén é necesario ter feitos alomenos 16 anos de idade, ter a titulación esixida para cada posto e non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o normal desempeño do traballo. Neste sentido, nas solicitudes é preciso facer constar se se conta con algún grao de discapacidade.
En termos xerais tamén é requisito imprescindible non encontrarse en ningunha causa legal de incapacidade ou incompatibilidade nin tampouco constar expedientes disciplinarios ou de inhabilitación para o exercicio de funcións nas administracións públicas.
Ademais destes, no caso da praza de condutor/a operaria/o hai que ter o título da ESO ou equivalente, estar en posesión do CELGA 3, contar con permiso de conducir C e dispor do certificado de aptitude profesional (CAP).
Para a lista de contratación de peonaxe de obras e servizos abonda con ter o título de graduado escolar ou equivalente, ter o CELGA 2 e o permiso de conducir B.
Todos estes requisitos hai que cumprilos tanto no momento de presentar as solicitudes como despois, no intre en que se chame a calquera aspirante para traballar. Por iso, canda o modelo de formulario que aparece no BOP tamén se deben presentar fotocopias compulsadas de toda a documentación acreditativa que se esixe, así como dos méritos que se desexen engadir para incrementar a puntuación.
A comisión cualificadora asignará un máximo de 1 punto por cada curso con recoñecemento oficial relacionado co posto, 2 puntos máis por ter título técnico medio -tamén relacionado co posto- e ata 0,20 puntos por mes traballado en funcións similares na Administración local (0,10 puntos se é noutra administración e 0,05 se é na empresa privada). Por último, contar coa acreditación de coñecemento do galego CELGA 4 ou equivalente validado oficialmente tamén suporá 1 punto.
Unha vez que finalice o prazo de presentación das instancias haberá tres días para presentar alegacións e, unha vez resoltas, o listado elevarase a definitivo manténdose en vigor ata o ano seguinte. A bolsa para cada posto de traballo ordenarase segundo as puntuacións alcanzadas e, de ser necesarios, os chamamentos faranse seguindo esa orde. As persoas que formen parte da lista manterán sempre a mesma posición, é dicir, as bolsas non son rotatorias senón que ao remate dun contrato voltarase ao mesmo lugar na orde de prioridade para futuros chamamentos, a menos que se produza un decaemento por renuncia, por non presentarse a un contrato sen un motivo xustificado ou por non querer seguir traballando.
O Concello de Moeche tirará da bolsa de emprego para facer contratacións temporais para postos que estean vacantes ou para nomeamentos interinos en substitución de persoal con dereito a reserva do posto por motivo dunha incapacidade temporal, unha baixa por maternidade, vacacións, permisos, etc.
Recordamos e insistimos de novo: o último día para achegar instancias para entrar en calquera das dúas bolsas ou para actualizar os méritos é o 14 de febreiro. O resultado do proceso publicarase tanto nesta web como no tablón de anuncios do Concello.
Ligazón ao anuncio
Ligazón ás bases publicadas no BOP xunto co modelo de instancia (.pdf)
Últimos comentarios