A proposta de Unicef As imprescindibles! foi abordada pola rapazada do Grupo de Participación Infantil (GPI) de Moeche o 23 de febreiro reuníndose- como está a facer os últimos sábados de cada mes- para sacar adiante a actividade. As imprescindibles veñen sendo aquelas propostas que consideren precisamente “imprescindibles” para logo presentarlles aos partidos políticos de cara aos procesos electorais municipais. A rapazada modestina traballou arreo e elaborou unha listaxe ben completa.
As imprescindibles é unha actividade dirixida ás estruturas de participación infantil e adolescente no ámbito municipal proposta por Unicef aos concellos que contamos con Consello Local da Infancia e Adolescencia. Trátase de elaborar as propostas “imprescindibles” por parte de nenos, nenas e adolescentes que os grupos políticos deberían considerar de cara ás eleccións municipais do 26 de maio de 2019. Os resultados desta actividade son exclusivamente destinados a visibilizar a voz dos nenos, nenas e adolescentes, ao exercer o seu dereito á participación, tal e como sinala a Convención sobre os Dereitos do Neno. En ningún caso se poderán empregar estas accións con fins partidistas ou electoralistas. A actividade foi validada polos rapaces e as rapazas dos consellos de participación. Inclúe unha primeira parte de repaso de conceptos relacionados coa participación; unha reflexión sobre como a rapazada ve o seu concello; as propostas “imprescindibles” e como trasladalas aos grupos políticos .
En todo o territorio do Estado español hai máis de 297 consellos de infancia onde participan máis de 11.000 nenos y nenas, un deses consellos da infancia é o do Concello de Moeche, un espazo en que os nenos e as nenas se xuntan para tratar os temas que lles importan do seu concello. Dentro do Consello sitúase o GPI,o Grupo de Participación Infantil, que é realmente a peza activa e fundamental deste proceso de participación.
As nenas e nenos do GPI dedicaron a mañá do sábado 23 , acompañados da técnica municipal de Desenvolvemento Local, a debater e concluir as súas Imprescindibles e, logo dun bo tempo de traballo, elaboraron unha listaxe de propostas que plasman aqueles temas e aspectos do seu entorno que máis lles interesa. Asuntos como o medio ambiente, a sanidade, a igualdade, as actividades deportivas e culturais, o uso dos edificios públicos, a lingua, a pintura nos espazos públicos …. unha morea de propostas que, unha vez redactadas en forma de carta ou plasmadas nun vídeo, se trasladarán a Unicef Galicia e aos grupos políticos así coma ás redes sociais.
No caso de Moeche asinarán unha carta como GPI con todas as súas propostas. Estas servirán para elaborar un documento a nivel tanto estatal como autonómico, que se fará chegar desde Unicef e desde o propio Consello Local da Infancia e Adolescencia a todos os grupos políticos de cara á preparación dos seus programas electorais.
Últimos comentarios