No mes de agosto o Concello acometeu varias obras de mantemento e acondicionamento na escola para o comezo do novo curso 2019-2020, algunhas delas foron presentadas no Consello Escolar como é habitual ao remate do curso desde hai anos, outras acordadas polo propio Concello e outras solicitadas no Grupo de Participación Infantil, como o novo deseño do peche frontal da escola, coas cores do arco da vella. Este deseño foi unha das eleccións realizadas polos rapaces e rapazas do Consello Local da Infancia, como xa fixeran co modelo de columpios o pasado curso. O curso comeza cheo de cor na escola de Moeche, coas cores elixidas polos rapaces e rapazas do CLIA para o  peche da escola.

Ademais desta renovación da imaxe exterior, acondicionáronse diferentes espazos, como a renovación da estrutura e pintado de xogo de columpios dos maiores, que comezaba a presentar signos de deterioro, amaños de fontanería, electricidade, pintura, do mobiliario de cociña, acondionamento do chan da cociña na canalización do gas, estanterías, novo colector de papel, substitución de papeleiras, revestimento das paredes do patio interior, etc. e algunhas outra que se deberán realizar comezado o curso contando coa opinión da comunidade educativa.

As tarefas nuns casos foron realizadas polo persoal municipal e noutros, como o acondicionamento dos columpios, o pintado do peche do recinto ou a posta a punto de billas, inodoros e canalizacións, correron a cargo de empresas locais de carpintería, pintura e fontanería. As obras de acondicionamento e posta a punto superaron os 6000,00 euros, ás que se sumarán nas vacacións de Nadal o pintado da aula de inglés e das portas da planta baixa.

Tamen este verán a Consellería de Educación abordou unha das demandas presentadas pola Alcaldesa a finais de curso na reunión mantida co Xefe Territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, como foi o amaño da nova canalización de gas. Con todo, resta por executar o peche do vestibulo exterior do centro, unha medida solicitada pola Dirección e o Concello para un maior eficiencia da calefacción e, polo tanto, un aforro nos custes deste para a comunidade educativa, asi como a substitución dos vellos radiadores.

Actividades na Biblioteca Municipal para o alumnado
Nestes dias previos ao comezo do curso, tamén se celebrou o Consello Escolar, no que se deu conta xa das actividades que a Biblioteca Municpal ten preparadas para a rapazada no mes de outubro. No marco do programa Ler conta moito, da Consellería de Educación, o alumnado está convidado a visitar a biblioteca municipal para participar en dúas actividades, unha, Fíos de Papel, o día 2 de outubro, para rapazada de 3 a 12 anos; outra, o obradoiro Be water¡, para nenas e nenos de 7 a 12 anos, co gallo do Día da Biblioteca, que se conmemora o 24 de outubro.