As aulas do CEIP San Ramón viviron hoxe unha xornada lectiva distinta ás habituais. No canto de atenderlles ás mates, a lingua ou o “coñe” (Coñecemento do Medio), a rapazada asistiu a varias clases que, de seguro, lles serán tamén moi útiles no futuro. Como mestras tiveron ás súas propias avoas, contándolles como era a vida cando elas eran nenas e mostrándolles traballos que facían daquela e que aínda hoxe fan, algúns deles case desaparecidos. Pola súa banda, as nenas e nenos do colexio agasallaron ás mulleres con  cancións e poesías en agradecemento pola súa contribución ao desenvolvemento do territorio e como reivindicación do papel da muller na sociedade. Este encontro interxeracional foi o último acto municipal co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e coordinouse co profesorado dentro do programa “Bibliotecas Escolares Solidarias” que desenvolve o centro de ensino ao longo deste ano.

A experiencia comezou pouco despois das 11 da mañá cunha pequena presentación na biblioteca á que asistiron a totalidade dos 60 alumnos e alumnas do CEIP San Ramón, ademais de case unha vintena de avoas que se sumaron ao chamamento lanzado polo Concello. Despois de explicar en que consistiría a actividade, o profesorado dividiu a cativería en catro grupos para que fosen rotando polas aulas  onde agardaban as mulleres convidadas.  Tres delas facían labores aos que hoxe non lles damos demasiada importancia pero que, noutro tempo, cando elas eran nenas e mozas, eran cousa exclusivamente da muller e a única maneira de, por exemplo, ter roupa que vestir.

Lola de Bastiana ensinándolle a un neno como usar as cardas da lá

Así, Lola de Bastiana ensinoulles aos nenos e nenas entre conto e conto como se cardaba a lá e como se fiaba á man para ter materia prima de chalecos, xerseis e outras prendas ben abrigosas. Carme Rodríguez Balseiro, outra das avoas, exhibiu a súa arte coas agullas de calcetar facendo ao vivo calcetíns e incluso pequenas pulseiras de fío trenzado. Por último, Otilia García Galdo traballou durante toda a mañá na cociña do centro preparando unha espectacular torta de nata e chocolate mentres lle daba a entender á xente miúda que esa tarefa, a de cociñar, non é algo exclusivo da muller, senón que debe formar parte da distribución corresponsable de tarefas no fogar.

Otilia García Galdo preparou unha riquísima torta de nata e chocolate

O grupo máis numeroso de avoas xuntouse nunha das clases para parolaren, esa arte tan nosa de falar do intrascendente dicindo cousas de grande trascendencia. Arredor delas, unha chea de ollos e oídos infantís que non perdían detalle da conversa, intervindo nela para inquirir sobre esta ou aqueloutra cuestión da vida do pasado.

Foron varios os momentos en que o encontro reflectiu por si que o tempo pasa polos corpos, pero tamén polos usos e costumes da sociedade. E para mostra, este botón: “Nós antes, cando chegabamos á escola, o primeiro que faciamos era rezar… ¿vós rezades?”, preguntou unha das avoas. “Non, nós na escola non rezamos”, respostaron á vez os nenos e nenas cun xesto de estrañeza. “Pois antes si que se rezaba e na casa tamén tiñamos que rezar o Rosario…  ata viña o cura”, retrucou a muller mentres que outra apuntalaba o conto cun “Non está de máis rezar, hai que saber de todo…”, comentario este último que provocou algún que outro sorriso entre o alumnado de máis idade.

Ao remate da xornada, os nenos e nenas agradecéronlles a visita ás avoas con cancións e poesías nas que traballaron varios días. Todas elas desprendían unha mensaxe de gratitude por ser dadoras de vida -das súas vidas, aínda que sexa de forma indirecta- e sustento imprescindible de familias e fogares onde, hoxe en día, a igualdade e a corresponsabilidade van asentando pouco a pouco.

Carme Rodríguez Balseiro calcetou e fixo pulseiras de fío

Sonia Corral -unha das mestras do centro- explica que este tipo de actividades interxeracionais “enriquecen e dánlle valor ao ensino”, ao tempo que lembra que o encontro entre rapazada e avoas naceu como unha proposta municipal que se acomodou dentro do proxecto Bibliotecas Escolares Solidarias no que participa este ano o CEIP San Ramón. Pola súa banda, Beatriz Bascoy apunta que a iniciativa -denominada “Por ti, avoa”-  buscou darlle visibilidade ás mulleres maiores  “que ás veces quedan á marxe das programacións que se fan polo Día Internacional da Muller”.