Lumeeee!. Ese é o berro que máis se vai escoitar durante esta fin de semana en Moeche, ben sexa pola euforia dos concertos do Festival Irmandiño, ou ben polo ánimo acendido que precede o asalto ao castelo desde hai case catro décadas. O festival comeza este venres á noitiña e prolongarase ata o serán do domingo enchendo o val de boa música e dunha chea de actividades paralelas. A maior parte delas forman parte da programación deseñada pola AC Irmandiños, pero hai algunha máis organizada polo Concello que, sen dúbida, contribuirá a ampliar a oferta de ocio. Entre elas cóntase a visita guiada á fortaleza da man dos Quinquilláns -o venres ás 21.00h. con reserva previa chamando ao Concello-, a apertura gratuíta do castelo durante todo o sábado e a exposición pictórica de Elvira Méndez situada no primeiro andar. Ademais tamén cómpre lembrar que o sábado pola mañá teremos o habitual mercado na nave rehabilitada de San Ramón.
A visita teatralizada polos Quinquilláns inaugurará ás 21.00h. do venres a actividade na fin de semana do festival. Lucho Penabade e Tero Rodríguez métense na pel de dous cómicos abandonados ao seu destino trala marcha dos señores da fortaleza. Eles son os únicos moradores que agora lle abren a porta ao pobo para facer un percorrido intramuros cheo de historia e de humor. A proposta escénica que se desenvolve todos os venres desde xullo ata setembro está tendo un éxito considerable, cubrindo en cada función o cupo máximo de 40 espectadores.
Para o pase deste venres Irmandiño agárdase que as prazas se cubran en pouco tempo, polo que cómpre chamar sen falta pola mañá ao Concello –981 404 006– para reservar a entrada, que deberá recollerse na porta do castelo media hora antes do comezo. O prezo xeral son 3 euros, aínda que hai un desconto dun 50% para menores de 16 anos e maiores de 65. Xusto cando remate “A porta aberta do castelo de Moeche” comezará no campo do festival unha repichoca mesturada coa actuación do grupo folk De Ninghures.
Quen queira visitar o castelo por libre terá unha boa oportunidade ao longo do sábado, cando estará aberto de balde. Xunto cos contidos do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, o espazo tamén acolle ata finais de mes unha colección de óleos realistas da pintora valdoviñesa Elvira Méndez. Son arredor dunha trintena de cadros con paisaxes e escenas costumbristas que se poden admirar na sala do primeiro andar do edificio. Outra opción para a mañá do sábado, a partir das 10.00h., é achegarse ao Mercado de Moeche, situado na antiga nave dos tecidos do recinto feiral de San Ramón. Froita, verdura, pan, empanadas, doces, chacinas, queixos, peixe fresco e artesanía. Todo da zona e da máxima calidade, que se pon á venda nun espazo agradable onde tamén podemos tomar un aperitivo.
Minutos antes de que peche o mercado retomarase a actividade no campo do festival do fondo de Moeche -menos de cinco minutos en coche-. E é que ás 13.30h. comezará unha sesión vermú animada ata arredor das 15.00h. por un picadiscos. Logo, descanso para repoñer forzas -quizais nalgunha sombra de Soutogrande cunha empanada comprada no mercado- antes de que empece o asalto infantil ao castelo das 16.30h. Trátase dunha actividade para a cativería que garda certas similitudes na súa esencia co asalto nocturno, aínda que cun cometido máis lúdico co que se busca fomentar de cara ao futuro o espírito festivaleiro dos nenos e nenas.
Desde o castelo volverase ás proximidades do festival para a competición de xogos tradicionais –18.00h.– como por exemplo o serrado con tronzador ou o lanzamento de altura de pacas de herba seca, entre outros.
A proposta, que sempre xunta numeroso público, practicamente conectará ás 20.30h. co arranque dos concertos, que evolucionarán durante a noite do tradicional ao máis cañeiro. Actuarán por esta orde Os Viqueiras, Tanxugueiras, Kepa Junkera -na compaña das cantareiras e pandereteiras Sorginak e algunha sorpresa máis-, o grupo valenciano El Diluvi e os galegos Ruxe Ruxe, que pecharán a noite. Polo medio, a iso das 0.30h. a actriz Isabel Risco repetirá como pregoeira -xa o fixera en 2010- antes de darlle luz verde ao asalto do castelo e o posterior espectáculo pirotécnico, cos que se rememora o episodio da toma da fortaleza en 1431 por parte da Irmandade Fusquenlla encabezada por Roi Xordo.
Este ano a organización do festival ampliou as propostas desde o mediodía até o serán do domingo, terceiro e último día do festival. A agrupación pontesa No Cómbaro animará a partir das 13.30h. a sesión vermú ao pé da fortaleza, onde se poderán xantar cachelos, liscos, crioulos e xamón cocido por un prezo de 4€. A partir da sobremesa poderemos desfrutar outra vez da música de Tanxugueiras -16.30h.- e do grupo infantil Quenindiole, unha das grandes promesas -xa realidade- da música tradicional galega.
O Concello volve colaborar co evento a través dun convenio nominativo por valor de 6.000 euros asinado hai tan só uns días coa organización, a Asociación Cutural Irmandiños de Moeche. Porén, ademais deste importe, a Administración local tamén asume a contratación de No Cómbaro e das Tanxugueiras dentro das axudas da Rede Cultural 2018 da Deputación da Coruña. Por outra banda, a área de Cultura do ente provincial tamén subvenciona o festival con algo máis de 9.900 euros.
O grande factor que se debe ter en conta todos os anos é o tempo. E semella que durante os tres días do Festival Irmandiño o sol vai ser o noso aliado. De máis incluso, xa que se prevén temperaturas diurnas por riba dos 25 graos tanto o sábado como o domingo. Pola noite, ceo despexado tamén, algo que é sinónimo de manga longa ou chaqueta gorda, polo menos atada á cintura por se a noite refresca máis da conta.
Últimos comentarios