A Mesa de Contratación do Concello de Moeche resolveu hai escasos días o procedemento convocado para contratar o servizo de limpeza dos edificios de titulariedade municipal. Na licitación xulgáronse segundo criterios técnicos un total de tres propostas, entre as que obtivo a maior puntuación a da firma Limpiezas La Unión cun prezo de 26.266 euros anuais. Trala sinatura do contrato -que seguramente quede lista esta mesma semana- a empresa encargarase de manter en perfecta orde de revista os edificios públicos durante o próximo ano, con posibilidade de ampliar o acordo por outros dous máis. A adxudicación cumpre as previsións municipais en canto ao cálculo de prazos, posto que todo o proceso administrativo se completou xusto no momento en que vencía o anterior contrato, suscrito desde 2016 coa mesma empresa.

Tal e como comenta Beatriz Bascoy, a “axilidade na tramitación” permitirá que o servizo de limpeza continúe “sen ningunha interrupción”. A rexedora explica que o servizo se sacou a licitación pública por primeira vez en 2016 e por un período de dous anos que remataba neste mesmo mes de decembro e que, polo tanto, “era obrigatorio volver convocalo. Fixémolo cunha duración inicial dun ano prorrogable de mutuo acordo ata un máximo de tres”.

A experiencia de La Unión atendendo a limpeza das instalacións municipais seguramente lle foi de grande utilidade para afinar a súa proposta económica, na que rebaixou en case 4.000 euros o prezo base da licitación, mentres que as outras dúas candidatas o reducían en 2.200 euros nun caso e en 600 no outro.

En canto ás condicións de prestación do servizo, o contrato que se asinará previsiblemente o venres establece que a Casa do Concello deberá limparse e fregarse de arriba abaixo alomenos dous días por semana e que tres veces no ano será obrigatorio limpar as fiestras.

As instalacións do CEIP San Ramón -agás a cociña, que conta con limpeza propia- deberán varrerse e fregarse todos os días, incluído o patio cuberto. Dúas veces no ano tamén se lle dará un repaso ás fiestras e, ademais, a empresa  deberá facer unha limpeza xeral en profundidade xusto antes do comezo do curso.

As obrigas no caso do pavillón municipal serán a do varrido e fregado da cancha e as bancadas un día á semana, xunto cunha limpeza xeral a finais de xuño, principios de setembro e no Nadal.

O contrato esixe tamén manter en orde de revista outras instalacións: a antiga biblioteca limparase un día á semana entre os meses de outubro e xuño; no local social de Abade pasarase o trapo, a vasoira e a fregona dous días á semana nese mesmo período e no Centro Cultural Francisco Piñeiro deberá limparse alomenos dous días no mes como media anual. Nestas dúas últimas instalacións daráselles brillo aos cristais, como pouco, unha vez cada catro meses.

Completan a relación de espazos o castelo e máis o recinto feiral. Ao primeiro cumprirá limparlle as salas e baños unha vez ao mes en abril, maio, outubro, novembro e decembro. De xuño a setembro -período de maior recepción de visitantes- os labores de adecentamento serán dous por mes. Ademais tamén se esixen dúas limpezas xerais, unha antes da Semana Santa e outra nos días previos ao Festival Irmandiño.

Para as instalacións feirais de San Ramón o contrato estipula o varrido, fregado e desinfección dos baños exteriores, así como o do espazo da antiga nave dos tecidos, onde hoxe se asenta o mercado semanal. Cada tres meses -como mínimo- a adxudicataria tamén deberá limpar a superficie acristalada do recinto.