Por segundo ano Moeche conta con Oficina de Turismo, financiada pola Deputación da Coruña, nos meses en que o municipio recibe maior número de visitas. Desde esta semana Moeche abre de novo a Oficina de Turismo que prestará servizo ao público de martes a domingo en horario de mañá e tarde. Polas mañás ofrecerá información na Casa do Concello e polas tardes, as fins de semana e días festivos, no Castelo.
O Concello de Moeche acolleuse á liña de subvencións para contratar persoal técnico de Turismo convocada pola Deputación da Coruña,como xa fixera o pasado ano. Recibiu unha subvención de 10.000,00€ para financiar ao 100% os gastos da contratación (seguridade social e salario) dun técnico ou dunha técnica de turismo 5,5 meses, 30 horas á semana. No pasado mes de xuño desde o concello solicitóuselle ao Servizo Público de Emprego o envío de candidatos e candidatas que cumprisen os requisitos da convocatoria da Deputación da Coruña para a posterior selección, tras a presentación da documentación requirida nas bases -identificación, certificacións académicas e de méritos- O técnico contratado encargarase de ofrecerlle a quen nos visite información turística sobre o territorio e desenvolverá accións de dinamización turística máis aló da atención ao público, como por exemplo a preparación de contidos específicos para folletos ou para a web municipal, a asistencia na planificación de rutas, nomeadamente as relacionadas co coñecemento xeolóxico do territorio ou aquelas que inclúan outros elementos patrimoniais e culturais e a promoción do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.
Horarios da Oficina de Turismo nos meses de xullo a 15 de outubro
De martes a venres
- Casa do Concello: 11.30 a 13.30 h
- Castelo de Moeche: 16.30 a 19.30 h
Sábados, domingos e festivos
- Castelo de Moeche: 11.00 a 14.00 h e 16.30 a 20.00 h
Enlaces convocatoria contratación persoal oficinas de turismo
O Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña conta, tamén coa colaboración da Deputación da Coruña, cunha profesional que atende as visitas á fortaleza e ao centro.
Ademais de axudar na posta en marcha dun servizo de información turística xeral para os próximos meses, a Deputación da Coruña colabora economicamente no funcionamento do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña co co-financiamento da contratación doutra técnica que guía ás persoas visitantes polo centro e polo resto da fortaleza desde 2017
A axuda provincial permite manter aberto o recinto durante todo o ano -agás nos períodos de descanso e de peche por mantemento-, xa que ata ese ano só podía visitarse durante as fins de semana. Neste caso o posto está ocupado por unha especialista que acadou a mellor puntuación no concurso oposición convocado no ano 2017 para crear unha bolsa de emprego específica e cunha vixencia de tres anos.
Últimos comentarios