Un concerto do cantautor Xoán Curiel e un obradoiro de panxoliñas son as dúas propostas organizadas pola área de Cultura en vésperas da Noiteboa e do Nadal. Curiel actuará o venres a partir das 20.15h. no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, presentándonos o seu último traballo nun concerto gratuíto encadrado na Rede Cultural da Deputación da Coruña. O sábado, día de feira, a rapazada poderá participar na sesión “Imos cantarlle ao Nadal!!”, que comezará ás 10.00h. na Casa do Concello e na que poderán aprender varios vilancicos tradicionais que despois se cantarán pola feira, igual que se facía antano polas casas para ganar o aguinaldo.  Este obradoiro require inscrición previa pasando polo Concello, chamando ao 981 404 006 (ext.2) ou enviando un correo a pilar.pazo@moeche.gal.

O cantautor fonsagradino Xoán Curiel estará con nós no serán do venres para presentar “Ecuacións”. Trátase dun disco sen percusión e con bases electrónicas definido polo propio Curiel como “cálido, lírico, doce e tamén cun matiz experimental”. Como curiosidade cómpre contar que todo o traballo se gravou directamente nun magnetofón, como se facía antes de existir ordenadores para editar o son. O resultado é un álbum coa naturalidade das mesturas analóxicas e dun directo do que nós poderemos gozar ao vivo con entrada gratuíta.

O concerto comezará a iso das 20.15 horas no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Trieiro, Abade, xusto ao carón do local social onde se desenvolve desde o pasado venres o curso de cociña impartido por Natividad Rodríguez no que participan unha quincena de persoas.

Ao día seguinte, sábado que cadra coa feira do 23, o Concello organizou unha actividade dirixida a nenas e nenos  de entre 3 e 12 anos acompañados dalgún familiar coa que se pretende recuperar a tradición dos cantos de aguinaldo que noutro tempo eran costume por Nadal e Reis. Para iso ofrecerase un obradoiro a partir das 10.00h. que, dunha banda, servirá para construír sinxelos instrumentos de acompañamento e, da outra, para aprender panxoliñas do noso patrimonio inmaterial, algunhas delas gravadas por grupos como Xocaloma, Fuxan os ventos ou Berrogüetto. Cara ao final da mañá, a iso das 13.00, o grupo participante fará un pasarrúas ambientando unha feira que por cadrar en sábado e en véspera da Noiteboa promete ser ben concorrida.

As inscricións no obradoiro “Imos cantarlle ao Nadal!!”  teñen que facerse no Concello ou telefonando ao 981 404 006 (ext.2), aínda que tamén se pode enviar un correo a pilar.pazo@moeche.gal. O último día para apuntarse é o venres.

Tarxetas de Nadal 
Dentro da programación destas festas cómpre lembrar tamén que desde este mércores e ata o 8 de xaneiro estará aberta na Casa do Concello unha exposición de tarxetas de felicitación do Nadal pertencentes á colección de Teresa Maseda, quen xuntou máis de 300 exemplares nos últimos 35 anos. A mostra pode visitarse de luns a venres entre as 8.30 e as 15.00h.