Non hai outro cualificativo para o balance da cuarta edición da nosa Feira do Queixo. Un evento que neste 2019 superou todas as previsións en canto a asistencia e, o que é máis importante, en canto a vendas e a satisfacción do público ante un programa ampliado que estivo cheo de moito e moi bo queixo, pero tamén de propostas paralelas entre obradoiros, degustacións e música. Hai uns días falábase xa dunha feira “consolidada” que, despois deste ano, ten un lugar destacado e por méritos propios entre o circuito de eventos galegos relacionados co sector lácteo. A clave do éxito está, segundo Beatriz Bascoy, en ser capaces de xuntar unha oferta de produto variada e distinta, dándolle cabida aos queixos con denominación de orixe e reservando máis espazo para aqueles que presentan un maior grado de innovación como xeito de se posicionar no mercado. Non imos dar cifras porque é burrada e porque non hai maneira de calcular. Que houbo moita xente, moitísima máis que outros anos, puido velo calquera que pasase pola nave do mercado en calquera momento, incluso pola tarde co tirón de Peter Punk e de Encrucillada.

Nas tres edicións anteriores a cousa era así: a feira abríase pola mañá e desde primeiras horas ía chegando xente pouco a pouco, que se concentraba en maior número sobre as 12.30-13.00h. para despois ir baleirando o recinto ata despois do xantar, cando volvía haber movemento aínda que sen chegar á afluencia matutina.

Hoxe o conto foi distinto, moi distinto. Ás 11 da mañá xa había xente espesa e entre as 12 e as 14 horas houbo momentos en que se facía dificultoso andar e achegarse aos expositores, onde se podía mercar produto -e non só queixo, senón tamén doces, pan, empanadas e mel- previa degustación para comprobar se se adaptaba ou non ao noso padal. Pero é que despois, á tarde, a nave tamén rexistrou unha boa entrada de público, que seguiu facendo compra xa sen o rebumbio da mañá antes durante e despois da divertida sesión circense de Peter Punk e da actuación ao vivo do grupo folc Encrucillada.

De que o día foi bo deu conta o sol que había fóra e tamén o trafego constante dos puntos de venda. José Luís Sanjurjo, queixeiro de Bardaos, comentaba cara ao mediodía que a mañá “foi tirando, bastante ben e bastante animada”, para engadir deseguido que “cando os feirantes dicimos que foi bastante ben, pódese dicir que foi ben”.  Javier Graña, de Queixos Brigantia, destacou que o ambiente de hoxe vén confirmar que a feira “cada vez está medrando máis”. Rocío Lamas, d’O Casal, asegurou ter botado o día “moi atarefada” e o anfitrión, Manolo García, de Lácteos de Moeche mostrábase exultante: “houbo moitísima xente, estivo moi animado, un día marabilloso, moi ben, moi ben, moi ben”.

García comentaba que no seu caso un dos produtos que mellor vendeu foi o queixo ecolóxico, unha aposta da firma local “pola calidade” e unha maneira de adaptarse ao mercado e aos cambios que se están dando na gandeiría.  “É unha cuestión de concienciación, se un gandeiro teu se pasa ao ecolóxico ti tentas seguirlle os pasos, porque é bo para Galicia, bo para o medio rural e bo tamén a nivel económico, porque o gandeiro tamén saca maior rendemento económico”.

Entre as queixarías da zona comentaban que os produtos con maior saída foron as especialidades que se afastan do tradicional. Tipos de queixos cos que xa levan experimentando desde hai tempo noutros sitios, mentres que aquí a cousa é máis recente. Queixos con maduracións controladas máis longas do habitual, afumados, volta aos leites crús e a queixos de temporada, combinación e engádega doutros sabores: noces, castañas, embutidos de porco celta, pementón… e mesmo baños de café coma o dunha das especialidades de Campo Capela -o queixo “mouro”- que namoran desde Galicia aos xurados máis selectos en concursos estatais e internacionais.

A diferenciación, a diversificación e a calidade son as claves do éxito dun sector que sufriu e aínda sofre as embestidas dos prezos do leite e a suba dos custes de produción. Isto sábeno ben na zona de Onís, en Asturias, onde se producen as dúas variedades do queixo de Gamonéu. Este queixo de a corenta euros o quilo segue producíndose ao xeito tradicional nas covas dos Picos de Europa. Foi o primeiro queixo convidado dunha feira que, de agora en diante, traerá todos os anos unha zona de produción distinta proveniente doutra parte do Estado. Ata Moeche achegouse desde Asturias unha queixaría e tamén unha excursión encabezada polo rexedor de Onís, José Manuel Abeledo, quen explicaba precisamente isto que dicimos, que a calidade e a diferenciación sempre funcionan e que a transformación leiteira é a clave da rendibilidade do sector. “En Asturias hemos apostado por la transformación. Es el futuro y una oportunidad de fijar población. La DO tiene 11 años, en ese tiempo hemos conseguido quintuplicar la producción sin renunciar a la calidad”, comentaba o rexedor.

Nese mesmo camiño están a maior parte das queixarías que acudiron á feira. Galmesano -procedente de Arzúa- acabou o xénero xa ao mediodía e pediu que lle trouxesen máis para a tarde desde a súa sede. Álvaro García, un dos seus representantes, falaba do ambiente en Moeche como “un espectáculo” debido  “á cantidade de xente que hai na feira buscando queixos diferentes, está invadido de xente e coñecen as novas queixerías que están facendo cousas novas en Galicia”. No seu caso fan un queixo cocido e maduro que se pode petiscar ou usar como base para fundir, para salsas, etc., e que, en calquera caso, exemplifica ese cambio cara a produtos novos fóra das pautas das denominacións de orixe e unha aposta por pechar o ciclo do leite sen saír de Galicia. “Sempre tivemos moi boa materia prima e sempre a vendemos sen desenvolvela para logo mercala fora transformada. Agora estámola elaborando nós, estamos facendo  produtos diferentes de principio a fin”.

E para calidade e diversidade, a Feira do Queixo de Moeche, que cada vez ten máis claro o seu perfil. Naceu como xeito de promocionar o queixo propio e nun día coma o de hoxe mostrou por que non é unha feira máis. “O que ten de diferente é que acolle aquelas queixarías que innovan, que están sendo recoñecidas fóra de aquí e que necesitaban un espazo no que estivesen todas presentando o seu traballo. Aquí temos artesáns que están traballando moito fóra dos consellos reguladores”, explicaba a primeira hora da tarde Beatriz Bascoy. A rexedora, visiblemente satisfeita, asegurou que “o balance é mellor que o ano pasado, tanto en número de persoas como en número de vendas…. e estamos na obriga de levar a cabo a quinta edición”.

Bascoy agradeceu durante a presentación do mediodía a asistencia do público e de queixarías, ademais de ter palabras de recoñecemento para o persoal e a dirección de Lácteos de Moeche “que sempre colabora na feira” e para todas as persoas que botan unha man no seu desenvolvemento de forma desinteresada. A alcaldesa tamén lles agradeceu a súa presenza á delegación de Onís e á europarlamentaria Ana Miranda, quen percorreu a feira intercambiando impresións cos responsables dos postos.

Pola tarde, pouco antes da actuación musical de Encrucillada entregáronse os premios do concurso de receitas elaboradas con queixo. As ganadoras foron Lorena Soto no apartado de prato doce e Silvia López no de receita salgada. Ademais de venderse moito produto, na IV Feira do Queixo tamén había outras cousas para facer. O público adulto gabou as catas comentadas polo experto Alejandro Montes e a rapazada traballou canto quixo no obradoiro de cerámica de Alén das Olas e no de elaboración de queixos dirixido  pola Gandaría Lavandeira de Labacengos.  Durante o día tamén se mantivo na entrada do mercado unha mesa de recollida de sinaturas reivindicando o restablecemento do servizo de Pediatría nos concellos de Moeche, San Sadurniño, As Somozas e Cerdido. A media tarde pasaban xa das 1.100 adhesións á petición.

No Facebook do Concello de Moeche hai unha ampla galería fotográfica do que deu de si a xornada.