O deputado provincial Suso Soto e Beatriz Bascoy asinaron este mércores na Coruña o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Moeche para levar adiante un novo proxecto de obras na zona feiral, centradas na accesibilidade e na mellora de distintos espazos. O investimento total ascende a 78.750€, dos que o ente provincial asume 63.000 -o 80%-, e servirá para continuar o programa iniciado polo Concello co obxectivo de renovar todo o recinto de San Ramón de cara a convertelo en motor comercial do sector primario da comarca.
O convenio asinado por Soto e Bascoy contempla a mellora da seguridade na contorna do almacén municipal e no acceso desde o espazo de estacionamento. O proxecto inclúe tamén a finalización do remodelado da nave do mercado -antiga nave dos tecidos-, onde se preparará a entrada traseira e, ademais, prevese acondicionar a rede de saneamento na contorna da antiga nave de verduras, darlle un lavado de cara exterior ao espazo do polbo e reforzar a seguridade no exterior dos recintos dedicados a gando e cabalos.
A intervención refírese, a grandes trazos, á renovación de varandas, a mellora de accesos a edificios, o amaño de deficiencias de drenaxe e a un cambio no aspecto xeral das instalacións feirais, seguindo o camiño iniciado coa nave do mercado. O proxecto deseñado polo Concello atende deste xeito a cuestións estéticas e de salubridade coas miras postas en que o lugar sexa máis atractivo, accesible e tamén seguro para as persoas usuarias.
Neste sentido, desde o Goberno local destácase como “fundamental” a obra que se vai acometer no espazo multiusos, onde teñen a súa sede varias entidades do municipio ademais doutros servizos de apoio ao sector primario. Os cinco locais existentes recibirán un tratamento exterior contra as humidades e dentro do proxecto tamén se lles construirán novos aseos adaptados a persoas con mobilidade reducida.
A finalidade desta iniciativa municipal -na que participa economicamente a Deputación da Coruña- é continuar a preparación do equipamento feiral para potenciar o espazo como un dos eixos de dinamización da economía local. A nova fase de execución será continuidade dos proxectos xa rematados con anterioridade como son a remodelación da nave de tecidos e a creación do espazo do Mercado. Cómpre lembrar, ademais, que o novo proxecto se complementará con outras actuacións acollidas ao Plan Único de Concellos, que tamén financia o aglomerado de máis de 5.000 metros cadrados do recinto de San Ramón e o cambio a led da iluminación dentro e fóra do mercado.
Últimos comentarios