O Concello  compartiu esta fin de semana nas súas redes sociais unha pequena imaxe para darlle difusión a través dos móbiles na que se recollen todos os establecementos comerciais e servizos que seguen funcionando durante a alarma sanitaria. O obxectivo da publicación é que toda a veciñanza teña á man o listado para evitarlles desprazamentos innecesarios e, ademais, que poidan chamar antes para facer compras ou para saber se variaron o seu horario de atención por mor da actual situación. 
 
Na relación de negocios encóntranse a farmacia do municipio, un taxi, catro tendas de alimentación, tres panadarías, catro agrotendas e servizos veterinarios, os dous estancos que hai no territorio, cinco talleres de automoción e/ou maquinaria agrícola -Muíño Suministros non atende avarías particulares, só de persoas autónomas-, a estación de servizo de Ortegal Oil e tamén os contactos cos dous únicos establecementos hostaleiros que seguen preparando comida para levar: Casa Pena e o Mesón O Campo.
Tamén figuran na lista as dúas entidades bancarias que teñen oficina en San Ramón, que modificaron os días e horarios de atención ao público mentres dure o Estado de Alarma. Neste sentido, Abanca só abrirá os luns e os xoves no seu horario habitual e o Santander os luns e venres entre as 9.30 e as 13.30h.
Doazón de pantallas protectoras
Por outra banda, o Concello recibiu hai uns días un lote de pantallas protectoras doadas por Comercial Orjales que o consistorio reserva por se fosen necesarias para o Servizo de Axuda no Fogar.
O servizo contou desde o comezo da crise co material de  protección necesario para o desenvolvemento do seu traballo -lentes, líquido desinfectante, luvas e máscaras FFP2 e FFP3- e, a maiores, agora dispón destes elementos que se veñen sumar ás batas confeccionadas por varias veciñas coa axuda da A.VV. Val de Moeche.
O Concello volve agradecer a colaboración desinteresada da veciñanza -facilitando equipamento para a desinfección, máscaras, batas, pantallas, etc.- e insiste, unha vez máis, na necesidade de seguir respectando as medidas de confinamento e de hixiene para previr contaxios.